Sunday 05 de May de 2024

Galicia presume do nivel do seu judo con sete mundialistas e catro clasificados para os xogos olímpicos


― Nikoloz Sherazadishvili, Francisco Garrigós, Alberto Gaitero, María Bernabéu, Laura Martínez, Sara Álvarez e Estrella López veñen de competir no Mundial de Budapest acadando dúas medallas (o ouro de Nijo e o bronce de Fran)

― Niko, Fran, Alberto e María acadaron praza para os Xogos de Toquio representando o 57% da delegación española de judo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no tatami do Centro Galego de Tecnificación Deportiva na homenaxe realizada aos deportistas de Galicia que veñen de competir no Mundial de Budapest: Nikoloz Sherazadishvili, Francisco Garrigós, Alberto Gaitero, María Bernabéu, Laura Martínez, Sara Álvarez e Estrella López. No acto estiveron presentes todos menos Estrella López por motivos deportivos e foi dirixido polo presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas.

Nas súas verbas, Lete Lasa dirixiuse a cada un dos judokas destacando, de todos eles, a súa disciplina, calidade e capacidade de superación, referíndose particularmente a Sara Álvarez xa que unha lesión volve a apartala do soño olímpico. Do mesmo xeito mandou unha mensaxe de cariño e apoio as outras dúas judokas con licencia galega que se quedan ás portas da clasificación olímpica como Estrella López e Laura Martínez, da que destacou a súa mocidade e asegurou que chegará en plena forma a París 2024.

No que atinxe aos catro judokas con licencia galega que acudirán a Toquio, Lete Lasa recoñeceu o traballo de María Bernabéu, da que dixo ser a pioneira desta brillante xeración de judokas galegos e recoñeceu o palmarés de Alberto Gaitero e Francisco Garrigós, especialmente polas súas últimas medallas colleitadas como o bronce de Fran en Budapest. Por último dirixiuse a Niko Sherazadishvili como “o único judoka español bicampión mundial e a nosa enorme esperanza”.

Estes catro judokas olímpicos con licencia galega representan o 57% da delegación española de judo que competirá nos Xogos de Toquio, cun total de sete deportistas. Lete Lasa celebrou a decisión de todos eles de competir por Galicia e recoñeceu o traballo da Federación Galega de Judo que “ten moito que ver en xuntar aos mellores judokas en Galicia”.

Por último, o mandatario galego dirixiuse aos 15 rapaces e rapazas que practican judo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva grazas ás bolsas da Xunta (10 en tecnificación e 5 en rendemento) e aseguroulles que no futuro serán eles os homenaxeados.